Saturday 18 de May de 2024

Un total de 12 estudantes álzanse cos Premios Fin de Carreira de Ensinanzas Artísticas superiores e cos extraordinarios de artísticas profesionais da Xunta


Ambas modalidades teñen como obxecto recoñecer o esforzo e dedicación do alumnado cunha traxectoria excelente nestes estudos

A Xunta de Galicia acaba de recoñecer as mellores traxectorias académicas de 12 estudantes de Ensinanzas Artísticas, seis deles cos Premios Fin de Carreira para o alumnado de Ensinanzas Artísticas Superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais; e outros seis cos Premios Extraordinarios na modalidade de Ensinanzas Artísticas Profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño, que remataron os seus estudos no curso 2021/22.

Ambas modalidades de galardóns foron creados polo Goberno Galego co fin de recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado cunha traxectoria excelente nestes estudos.

Premios Fin de Carreira
No caso dos Premios Fin de Carreira, dotados con 3.500€, na modalidade de Arte Dramática o galardón foi para Roberto Casal Mouriño (dirección escénica e dramaturxia), da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo; e na modalidade de Conservación e Restauración de bens culturais a galardoada é Brianda Otero Moreira (escultura), da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra.

Na modalidade de Deseño os recoñecementos son para Belén Cordero Rodríguez (gráfico), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, e para Claudia Figueira Caamaño (moda), da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Na modalidade de Música resultaron premiados Lucas López López e Javier Pousa Cabaleiro (interpretación), alumnos de piano e clarinete, respectivamente, do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Os Premios Fin de Carreira instauráronse por primeira vez no curso 2018/19 co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estiveran en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos.

Premios Extraordinarios Ensinanzas Artísticas Profesionais
No que atinxe aos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais, no ámbito de Música resultaron premiados Nuno Estévez Pazó (acordeón), do Centro autorizado de música profesional Contrapunto Histórico de Santiago; Carla Gómez Iglesias (clarinete), do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, e Mario Rabanal Freire (violín), do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.

No ámbito de Artes Plásticas e Deseño os recoñecementos son para Coralia Díaz Villares (proxectos e dirección de obras de decoración), do Centro autorizado de artes plásticas e deseño Aula D de Vigo, e para Sara García Balseiro (fotografía), da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

No ámbito de Danza o premio foi para Laura Sánchez Viqueira (danza clásica), do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña.

Todos eles reciben un premio de 1.000€, ademais dun diploma acreditativo e dunha distinción que constará nas súas certificacións académicas. Ademais poderán optar aos Premios Nacionais de Ensinanzas Artísticas Profesionais.